A docencia da medicina de familia en Galicia

Jesús Sueiro Justel – A docencia da medicina de familia en Galicia
PRESIDENTE DA AGAMFEC. MÉDICO DE FAMILIA. AMBULATORIO CONCEPCIÓN ARENAL. SANTIAGO DE COMPOSTELA
Cad Aten Primaria Ano 2018 Volume 24 (1) Páx. 3 – Descargar PDF: 24-1-Editorial

Xa hai 4 anos que lle transmitimos á administración sanitaria a nosa grande preocupación pola situación dos titores de medicina de familia en Galicia. Despois dun estudo das unidades docentes, comprobouse que o 75% dos titores tiñamos nese momento máis de 55 anos, e dado que a “xubilación” do titor se produce 3 anos antes da xubilación laboral, en 7 anos a situación sería incompatible coa formacion de residentes se non houbese unha medida que favorecese a incorporación de novos (e xoves!) titores nos centros docentes. Como todos sabemos, estes centros adoitan estar nas grandes cidades galegas e o seu contorno, e o acceso ás prazas soamente se contempla pola antigüidade. A dinámica dos derradeiros tempos amósanos que as prazas se cobren por compañeiros con moita experiencia laboral, pero cunha idade pouco dada a desempeños docentes. Despois de 4 anos e coas medidas que non tomou a administración, a situación actual podemos dicir que se resume en que o 75% dos titores temos 59 anos polo menos e o tempo de situación crítica da docencia acurtouse a 3 anos.

Como a falta de previsión non é consustancial a docencia, estamos nunha década na que as xubilacións dos profesionais vai ser masiva e fan falta mais médicos de familia para cubrir o recambio xeracional.

Curiosamente a medida que se lles ocorre é aumentar o número de residentes cando a oferta por falta de titores esta en declive progresivo. Estamos pois ante un escenario de tormenta perfecta: necesitamos máis médicos de familia e non hai quen os forme e, ademáis, pasaremos unha temporada asumindo mais residentes dos aconsellables coa conseguinte perda de calidade docente.

Non se pode dicir que non temos avisado da situación e todo foron boas palabras, pero sin compromiso firme nin planeamento realista: o compromiso do profesional de ser titor si accede á praza non sirve de moito, si no traslado a plaza do titor a ocupa un profesional de 60 anos. Dada a especial relación titor-residente en medicina de familia, non podemos pensar en servizos docentes como acontece nos hospitais, é fundamental un perfil específico para as prazas con baremos diferenciados que permita á xente máis nova e con máis interese na docencia poder acceder aos centros acreditados. Tampouco estorbarían algunhas medidas de promoción, axuda ou incentivación da docencia que ten sido producto da voluntariedade de apaixoados médicos de familia, cada vez mais desencantados. O tempo xa escasea e a confianza na administración hai tempo que está baixo mínimos. Temos motivos para seguir preocupados.

About AGAMFEC

AGAMFEC é a Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria, federada da asociación nacional semFYC.

1 comments

Moi acertada reflexión…. Efectivamente sorprende a proposta de aumentar as prazas Mir cando se prevé a reducción do número de tutores. Claro que tamén sorprenden decisións como as tomadas na área sanitaria de Vigo de cubrir as ausencias de titulares con residentes de MFYC de cuarto ano… ¿ qué vai ser o próximo? ¿ propor a reducción da residencia de novo a 3 anos? ¿ a dóus anos?. Teño constancia de que en certas áreas se ten contratado médicos de fora de España sin a titulación de especialistas en MFYC nin outra convalidable….. Fai falta menos «iluminati» na Xestíón e máis coñecedor ( ou padecedor) do que se xestiona … Canto me lembro da película » El Doctor» , de 1991, protagonizada por William Hurt…. Só espero que os nosos residentes de MFYC a vexan algún día.

Deja una respuesta

*

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.