Axendas e ruralidade

Jesús Sueiro Justel

Nestes tempos de pandemia nos que se sumou a precariedade do cadro de personal, a sobrecarga dos contaxios e os contactos e o envellecemento dos profesionais, xurdiron debates e grupos de traballo sobre a xestión e deseño de axendas de calidade para os médicos de familia, coma se fose a solución da falta de accesibilidade e saturación dos centros de saúde (CS)

A primeira reflexión é que consideramos unha contradicción o deseño de axendas co concepto mesmo de axendas de calidade. Porque a primeira definición para asegurar a calidade é a flexibilidade e a autonomía dos propios CS e os seus xefes de servizo para adaptalas aos fluxos coñecidos da poboación de referencia, as necesidades e demandas dos usuarios e as súas características sociodemográficas. Podemos aclarar conceptos, propoñer criterios e mesmo indicadores, pero nunca facer un modelo de copia e pega exportable a toda Galicia. O mesmo concepto, por exemplo, que levamos aceptando anos sen caer na conta do oxímoron que encerra é o de “consulta administrativa”. Por definición, se unha consulta é administrativa, non é medicina e debe ser xestionada noutro eido fóra da consulta médica.

A seguinte cuestión vén dada pola repetida frase de que na atención primaria (AP) non debe existir lista de agarda, erixindo a accesibilidade no principio fundacional e inmutable da AP. O noso nivel asistencial, de cuxa fortaleza veñen os recoñocementos internacionais da calidade do sistema sanitario, ten unha seria de características que o fan indispensable: a accesibilidade, é certo que é unha delas, pero tamén a capacidade resolutiva, a lonxitudinalidade (non esquezamos que esta é a única que ten amosado a diminución de morbilidade e mesmo mortalidade da poboación), a visión integral e integrada, a implicación da comunidade, a docencia, a investigación… e a ninguén se lle escapa que para ter unha AP de excelencia non chega con ter unha característica única, neste caso a acesibilidade, senón ser quen de poder compaxinar con equilibrio tódalas súas funcións e capacidades. Non ten sentido accesibilidade absoluta para ter que derivar ao segundo nivel, por falta de tempo, problemas banais; e asi podemos relatar unha morea de exemplos absurdos.

Compre salientar outro problema, non menos importante, que non fomos capaces de poñer en debate: a accesibilidade é unha característica da AP, non da medicina de familia. Hai unha fermosa verba que describe esta figura literaria: A Sinéqdoque, ou sexa, tomar o todo pola parte. Por mellor decir, hai que facilitar o acceso dos doentes, pero non só ao seu médico de familia. Ninguén pensou nunca na lista de agarda para enfermería, a matrona, o fisioterapeuta ou a traballadora social e tamén forman parte indispensable dos nosos servizos. E moitas veces resolverían problemas que vemos nas demandas forzadas das nosas consultas.

Polo tanto debemos facer unha visión integral do problema, non caer en solucións simplistas e apostar por unha reformulación da AP, con maiores competencias de todos os profesionais, implementar demanda de enfermería, con potenciación das áreas administrativas que poidan asumir máis tarefas e a distribución dos doentes nas consultas mais axeitadas aos seus problemas, ser referentes na comunidade e buscar a sua complicidade e apoio nos seus activos, fomentar a proactividade nas consultas, potenciar a investigación que dé respostas as nosas incertezas e seguir formando médicos e profesionais sanitarios comprometidos coas persoas. E nunca deixar de reclamar un cadro de persoal autosuficente e o tempo axeitado para acadar unha atención integral. A axenda é un medio para facilitar o traballo e non entorpecelo, non nos deixemos cegar con propostas simples que nos alonxen da busca dunha AP con criterios de excelencia . O reto non é doado, pero a sostibilidade do sistema sanitario está en xogo.

Descargar PDF

About AGAMFEC

AGAMFEC é a Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria, federada da asociación nacional semFYC.

Deja una respuesta

*

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.