A Atención Primaria (AP) está enferma de gravidade. Moi obvio, rematando o 2021. Non parecía tan obvio fai tres anos, en decembro de 2018, cando os xefes de servizo de Vigo dimitiron para denunciar a situación de deterioración da AP. Daquela a AGAMFEC fixo un exercicio de anamnese coa enquisa que chamamos Tempos Modernos, na que participaron un alto número de profesionais de diferentes categorías. Coas respostas fíxose un diagnóstico e expúxose un plan terapéutico, nun documento chamado “Tempos Modernos, cambios radicais en Atención Primaria”.
Desafortunadamente o tempo deunos a razón, e agora a enfermidade da nosa Primaria está na fala da xente. Estao porque xa é moi evidente a caquexia. Disimulouse porque a profesionalidade levounos a dar máis do xustificable, porque a covid destorceuno todo, pero cando o país empezou a arrincar e os pacientes quixeron recuperar a atención presencial, atopáronse a Primaria afogada.
A AGAMFEC continuou debatendo o modelo este ano participando no Foro de AP, e xa recuperada a presencialidade, nas xornadas de residentes e titores de Santiago, nas xornadas AGAMFEC de Pontevedra e nas xornadas de medicina rural SEMFYC de Ourense.
A Constitución garante o dereito á saúde, e a Lei Xeral de Sanidade, o dereito a unha atención sanitaria de calidade en condicións de igualdade. Que está a ocorrer? Primaria xa non ten capacidade de ofrecer tal atención sanitaria. Calquera cidadán que precise hoxe atención pode observar a crúa realidade; que os atributos que definen a AP, accesibilidade, lonxitudinalidade, integralidade, e coordinación, non están garantidos. Esta perda leva á rápida privatización, non temos máis que ver a publicidade masiva de mutuas e centros privados. Consecuencia: pérdese a equidade e a universalidade, e con iso, o sistema sanitario que coñecemos.
É evidente que a cidadanía non vai renunciar tan fácilmente. Primaria ocupa titulares e mensaxes políticas. O custo desta perda é alto para calquera gobernante.
Empezan a chegar noticias de cambios, chegan conclusións de grupos de traballo, plans dunha nova AP, intentos de creación de novas categorías profesionais, pilotaxes para as áreas administrativas, propostas de aumento de prazas de MIR, novas definicións de competencias profesionais, unha nova Dirección Xeral de Planificación e Reforma Sanitaria… cambios demasiado lentos que van ir acompañados de novas normativas e de condicións laborais e profesionais que non se dan. Están en trámite o Decreto de Ordenación do Sistema de Formación Sanitaria Especializada, o novo Decreto de Ordenación Sanitaria de Galicia.
Toca estar vixiantes, moi vixiantes porque a AP, e polo tanto o Sistema Sanitario, ten que redefinirse, tras o colapso, e de todos depende como se faga.
A Xunta Directiva da AGAMFEC este ano que termina traballou en varias liñas: na presenza na universidade (ver editorial do mes de xullo), clave para que a AP vertebre realmente o sistema sanitario; nunha nova proposta de ordenación dispoñible na web, enviada a socios, sociedades, sindicatos e partidos; presentado alegacións ás propostas de decretos, propoñendo ferramentas de atención continuada como a revista AMF para os profesionais, e a integración da Guía Terapéutica de SEMFYC na historia clínica e outras moitas accións.
Pero unha e outra vez chegamos ao punto clave no que non temos as noticias que necesitamos, o financiamento. A AP segue sen un financiamento completo, suficiente, independente e autoxestionado. Seguiremos vixiantes e esixentes.
Descargar PDF