O revivir da conciencia da Atención Primaria

  • O revivir da conciencia da Atención Primaria
     Autor: Jesús Sueiro Justel. Ex-Presidente da AGAMFEC. Medico de familia. Ambulatorio Concepción Arenal. Santiago de Compostela
  • – Descargar PDF: Editorial

Os médicos de familia nacemos en loita: loitabamos contra a inercia dun sistema que non pensaba mudar, contra profesionais saturados e sen futuro que vían en nós unha ameaza que non era tal, contra o descoñecemento dos médicos e compañeiros residentes no hospital, que non acababan de entender que queriamos “ser de maiores”. Despois seguimos loitando para facernos un oco nos recentemente inaugurados centros de saúde, para poder amosar aquilo de que había vida intelixente fóra do hospital. Tivemos liortas con compañeiros que finalmente aceptaron o inevitable: que a formacion non é discutible, que a mellora do primeiro nivel non se podía facer desde a individualidade e o illamento.

Pero pasados estes anos de éxito da especialidade, chegou un tempo de tranquilidade, despois un tempo de crise que significou o abandono por parte da administración e o desencanto. Os nosos residentes empezaron a volver a fascinarse polo hospital e, por qué non dicilo, polos mellores contratos que lles ofertaban. Empezamos a albiscar hai mais de 10 anos que se aproximaban nubarrons sobre a Atención Primaria (AP) e comezamos a facer chamadas de auxilio, sen resposta. Chegamos a crer que toda a nosa historia de loita estaba condenada ao fracaso.

Nos últimos meses, con todo, pasaron cousas en todo o estado que parecían coordinadas polas vellas brigadas de residentes a punto de xubilarse, pero non foi outra cousa que un estalo espontáneo de desesperación coordinada. Na nosa comunidade o detonante foi unha dimisión de xefes de servizo en Vigo fartos de ser complices dunha política de recortes e desconsideración cara aos médicos de familia. Puido ser sorte, puido ser o momento perfecto, pero estamos vendo unha mobilización e un protagonismo da AP nos medios de comunicación e na sociedade civil sen precedentes. Temos que aproveitar a marea, subirmos á onda e volver ás nosas orixes de loitadores, pero agora como líderes do movemento e da opinión sen manipulación e con profesionalismo, da man dos nosos pacientes. Eles meréceno e non podemos defraudalos. A dignidade da Atencion Primaria está en xogo.

 

About AGAMFEC

AGAMFEC é a Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria, federada da asociación nacional semFYC.

Deja una respuesta

*

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.